Wednesday 08 de May de 2024

Presentación do libro “Polos fíos da memoria”, de Matilde Castro


Este serán presentouse na Casa do Concello de San Sadurniño o poemario “Polos fíos da memoria”, de Matilde Castro. Unha escritora con raíces en San Sadurniño que, tal e como dixo a tamén poeta Mariola Hermida durante o acto, vén traernos unha obra “serea, tranquila e sosegada sobre a memoria da guerra e duns tempos difíciles”.

Un libro pequeno de tamaño (36 páxinas) pero, en palabras de Hermida, “enorme no seu contido, con poemas que teñen o preciso e que non precisan máis letras que as que están” para construír “pegadas de non esquecemento” sobre os medos, a fame, as traicións e tamén a resiliencia e forza da nai da autora, fonte de todos os “contos” convertidos en verso por Matilde Castro.

A escritora, quen descubriu a súa vocación nos obradoiros de escrita creativa organizados en Fene, leu varios dos poemas contidos nesta a súa segunda incursión literaria que, ademais, significa a estrea da Editorial O Bidueiro, impulsada por Eduardo Estévez. O editor tamén acompañou a Matilde Castro neste breve acto ao que acudiron amizades, familiares e veciñas e veciños de San Sadurniño.

Secundino García asegurou sentirse “honrado” porque o acto se desenvolvese en San Sadurniño e agradeceulle a Castro “ternos regalado esta obra”.